Tanxugueiras é un grupo galego composto integramente por mulleres que actualmente está en boca de todos grazas ao fervor fan que as quere levar a participar en Eurovisión. Este grupo fusiona a música e o baile tradicionais galegos coa música e os bailes máis actuais. Aínda que non lles faltan fans dende o seu primeiro andar, foi nos últimos meses cando tiveron a ocasión de crear novos filmes musicais que aumentaron a súa fama, colaborando con diferentes marcas, músicos e asociacións galegas. Estes dous últimos filmes son Figa e Midas, os cales agochan diferentes referencias históricas e etnográficas, tal e como veremos a continuación.
Figa é o filme musical máis recente, onde a estética e a trama baséanse nunha queima a mulleres practicantes de meigallos e outras artes. Son as cantantes as protagonistas do filme, apresadas por un grupo de homes que as condenan a unhas enormes fogatas, acosándoas con fachos. Finalmente, parecen ser rescatas por un grupo de mulleres tamén armadas con fachos.
Aínda que o que pretenden representar é a represión vivida durante séculos por parte das mulleres, esta podería dar lugar a confusión e pensar que tentan representar as famosas queimas realizadas no pasado pola Inquisición. Esto último non estaría acorde coa propia Historia, pois se o que queren representar é o sucedido no pasado en Galicia, tales xuízos non foron tan comúns e non chegaron a queimas. Si se ten constancia dalgúns casos de mulleres condenadas por estas prácticas, como é o caso de Ana de Castro, obrigada a pasear espida por Santiago. É precisamente esta muller orixinaria de Meis, polo que podería ter relación cunha das localización do filme musical.
Entre as diferentes localización empregadas, atópanse o parque etnoarqueolóxico de Salcedo e o Pazo de Señorans en Meis. No caso da primeira, trátase dun parque na provincia de Pontevedra localizado no Outeiro das Mouras, onde se pode visitar a recreación dun poboado da Idade do Bronce. Posiblemente esta localización emprégase porque se axusta a estética da xoiería que levan, inspirada directamente na ourivaría tradicional galega e na castrexa.
A segunda localización sí podería ter relación coa etapa na que a Inquisición actuou contra a bruxería (principalmente entre os séculos XV e XVII). Trátase do Pazo de Señorans, actualmente reconvertido en bodega, localizado tamén na provincia de Pontevedra, concretamente en Meis. Esta casa do século XVI, con diferentes reformas, é un fito do poder dos señoríos en épocas pasadas. Este tipo de vivenda de campo estaba asociada aos fidalgos, unha pequena nobreza galega de menor importancia.
En canto á estética e escenografía, as cantantes e a equipa de produción optaron por fusionar elementos actuais cos máis tradicionais, reflexándose no vestiario e os complementos. Nunha das escenas podemos ver o elemento que da nome tanto ao filme como á canción, unha figa de cerámica. Esta peza probablemente sexa da fábrica tradicional de porcelana de Sargadelos, dado as características cores luminosas azuis e brancas. Este elemento trátase dun amuleto contra o mal de ollo presente na tradición galega, entre outras, e xa presente en épocas pasadas como a romana.

No filme podemos ver algúns elementos dos traxes tradicionais galegos asociados ás mulleres como os panos na cabeza, algo que non é de estrañar, pois os encargados do vestiario e complementos son, entre outros, Bulideira unha especializada tenda en traxes e complementos tradicionais galegos.
Os elementos de xoiería, realizados en ouro, aparentan utilizar a técnica da filigrana, moi común na ourivaría galega. Nun dos casos, destaca unha peza similar a un achado arqueolóxico da provincia de Ourense, só que no caso da peza orixinal trataríase dunha arracada (xoiería para as orellas) e non dun colgante. Trátase da Arracada de Vilar de Santos, a cal atópase no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Este tipo de xoia destaca pola súa forma semicircular, elaborados con filigranas ou fíos de ouro moi finos, que cando se soldaban formaban complexas composicións. Moitas destas pezas non se enganchaban da orella mediante perforacións, se non que colgaban da mesma, probablemente debido ao peso do seu tamaño. Estas pezas, realizadas con filigranas de ouro, imitan á xoiería tradicional galega, a cal bebe directamente da ourivería prerromana do noroeste da Península Ibérica. É precisamente nesta época, a castrexa, de onde destacan un gran número de achádegos realizados en ouro. Grazas a estos achádegos arqueolóxicos pódense comparar estos elementos prerromanos coa xoiería tradicional galega chegando a conclusión de que certas formas e estilos perviven no tempo, así como a forma na que estes se realizan.
O seguinte filme musical é Midas, o seu nome procede do rei de Frigia , que dacordo coa mitoloxía grega, converte todo o que toca en ouro, de ahí que o protagonista do mesmo aparente ser precisamente este rei, por estar cuberto de ouro líquido, referenciando así o seu egoísmo e avaricia, acorde coa letra da canción.
Neste filme musical tamén aparecen elementos da ourivaría tradicional, destacando as arracadas de ouro, como a que leva colgada da lingua Midas, ou as que leva nas orellas noutras escenas, xunto cos colares de bolas de filigranas de ouro. A primeira das pezas mencionadas conserva moita semellanza coas arracadas de Laundos e da Estela, da actual Portugal.
Midas porta ademais unha peza coñecida como sapo (galápago fora de Galicia) realizado comunmente en prata sobredourada, en forma de triángulo invertido orixinario dos petos do século XVIII, pezas de xoiería de gran tamaño que levaban as mulleres sobre o peito (Lorenzo Rumbao, 2008).

A semellanza do filme Figa, neste tamén fusionan pero en maior medida, o baile tradicional co contemporáneo, aparecendo os míticos pasos da muñeira. Neste caso, a vestimenta tradicional ten maior protagonismo, pois en varias escenas as cantantes aparecen ataviadas coa mesma, destacando os panos, os faldóns voluminosos e as camisas de mangas abullonadas entre outros, aportados polo grupo de baile tradicional Tahúme e A soqueira do Petón, esta última encargada das zocas (calzado tradicional).
Como era de esperar dun grupo folk que une a actualidade co tradicional, esto vese reflexado nos filmes musicais que presenta, polo que non é de estrañar a cantidade de referencias histórico – culturais que se poden apreciar nos mesmos.

Referencias:
Lorenzo Rumbao, Belén, Marzo 2008. Colgante “Sapo”. Museo arqueolóxico provincial de Ourense. Peza do mes.
M.H. (08/09/2021). Tanxugueiras, las favoritas de los fans de Eurovisión para representar a España en 2022. Diario de Sevilla.
Salvador Rodríguez (13/10/2013). Condenadas por Meigas. Faro de Vigo.
[Imaxe de Portada: Tanxugueiras]