O recordo da Guerra Civil deixou unha pegada na sociedade galega tan profunda que aínda hoxe persiste na nosa cultura como algo intrínseco, en gran medida afondando na idea do exilio e da morriña da terra da que estiveron obrigados a marchar milleiros de galegos.
Nesta ocasión, porén, traemos a colación dúas obras de cómic que relatan as historias dalgúns dos que quedaron e que foron protagonistas dun enclave importante na Ría de Vigo: a illa de San Simón. Trátanse de “A lavandeira de San Simón” de Eva Mejuto e Bea Gregores e “Regreso á illa de San Simón”, editado pola Deputación de Pontevedra como exercicio de memoria histórica.
Este emblemático lugar foi habitado e abandonado en múltiples ocasións ó longo da Historia, xa dende o medievo, por diversas ordes monásticas. Foi tamén testemuña da batalla de Rande en 1702 na Guerra de Sucesión, coa incursión das tropas británicas e holandesas na ría, que atacaron as localidades circundantes ademais da propia illa. Isto alimentou as lendas da zona que falaban da presenza de tesouros, ben polos barcos afundidos na batalla coma polas riquezas soterradas para protexelas dos saqueos; lendas que serviron de inspiración para desenrolar o discurso narrativo de “Regreso á illa de San Simón”, onde catro rapaces dun campamento deciden explorar na súa busca. Tamén se menciona na obra das lavandeiras, nunha conversa entre os dous cativos protagonistas.
Seguidamente, a illa destacou por converterse nun lazareto en 1838, lugar de corentena que servía de barreira de contención para os navegantes que chegaban enfermos dende América, especialmente importante para conter e frear a lepra e a cólera, entre outras pragas, ata a súa clausura en 1927. Máis o cénit da súa relevancia histórica chegou coa Guerra Civil, aproveitando os edificios existentes para convertelos nunha colonia penitenciaria que funcionaba como campo de concentración dende 1936 ata 1943. As cartas dos presos que relataban o acontecido nesta illa son as que serven de inspiración para os relatos dos cómics que aquí amosamos, destacando especialmente a masificación das celas e a falta de hixiene, roupa e alimentos. Tal foi a saturación, que en 1938 chegou o buque Upo Mundi para servires de ampliación do cárcere, aínda que alí as condicións eran peores.

Con todo, ambas obras contemporáneas resaltan a labor dos veciños das aldeas do redor, que crearon redes de apoio de voluntarios que tentaban axudar ós presos levándolles roupa limpa, mantas e comida, así coma as cartas dos seus familiares. Destacaron neste senso Faustino Otero e Bernardina Lino, mencionados en ambos cómics por seren os que transportaban en barco estes obxectos, así coma ós parentes que ían de visita. Finalmente, tamén salientan a labor das lavandeiras, mulleres na súa meirande parte anónimas que lavaban as roupas dos presos que non tiñan achegados e que cosían prendas para os condenados no Upo Mundi, sufriron en consecuencia a marxinación e diversas represalias.
A memoria histórica sitúa así no mapa unha illa que viu chegar e morrer a moitos individuos, en diferentes circunstancias e momentos. Ben por senectude dun monxe, ferido de morte en batalla, sucumbido por unha peste ou fusilado contra un paredón por militares franquistas. A illa de San Simón agocha grandes tesouros, sendo sen dúbida o máis importante a Historia que nos conta daquilo do que foi testemuña.
Ligazóns de interese:
- Cultura de Galicia: A Illa de San Simón.
- As lavandeiras da Illa de San Simón, por Eva Mojuto.
- Proxecto Aquis.
[Imaxe de portada extraída de Eva Mejuto]
Hello there, justt becae alert tto your bpog through Google, annd foumd thhat it’s really
informative. I’m gonnna watch out ffor brussels.
I’ll bee grateful iif you continue this iin future. Maany people willl be beenefited freom your writing.
Cheers!
Me gustaMe gusta